Etiquetas

, , , , , , , , , , ,

ENTREVISTA LOLI REGUEIRA

“O QUE HAI QUE FACER PARA NON IR AO MAR” 

Unha viaxe a través do teatro galego

UN DOCUMENTAL DE IAGO VÁZQUEZ 

Hoxe falamos con Iago Vázquez, Licenciado en Socioloxía e Máster en Produción e Xestión audiovisual. Na actualidade, director e produtor de curtametraxes , ademais de colaborador en outros proxectos do eido audiovisual galego. 

Comezamos a falar do seu último traballo na modalidade de longametraxe documental  e que teremos a oportunidade de ver nos próximos días en Ribeira.

 A exposición do material fotográfico do documental inaugurase na Tenda-Galería O Faiado o día sábado 25 de outubro ás 12.00h e no Auditorio Municipal de Ribeira proxectarase o filme o sábado 15 de novembro ás 21:30 horas e o Xoves 20 de novembro ás 11:00 horas (este pase será para escolares).

castelao_rianxo

A RIA. Castelao. Vanguardias Históricas/Realismo. Óleo sobre cartón. Museo de Pontevedra. Pontevedra.

– O primeiro que nos chama a atención e o título: O QUE HAI QUE FACER PARA NON IR AO MAR, ¿En qué momento nace esta idea?

Para entender o significado do título hai que contextualizar un pouco de que trata o documental. O que contamos é a historia do teatro galego dende o punto de vista dos meus país, Tuto Vázquez e Mariajo Mosteiro, dous actores de teatro xa falecidos.

O título ten moita gracia. Era unha frase que dicía moito o meu pai cando tiña que vestirse con roupa estrafalaria nalgún espectáculo ou viaxar a un sitio afastado da civilización, que na Galiza dos anos setenta e oitenta había moitos. O meu pai é de Ribeira e toda a familia era mariñeira. A frase era unha maneira de rebelarse contra a tradición familiar cun toque de retranca.

A idea de poñelo como título xurdiu cando comecei a falar cos seus compañeiros de profesión. Carlos Blanco e Eduardo Alonso, por separado, lembráronme a frase e pensei que tería moito gancho como título dunha longametraxe documental.

O filme que presentas, como o subtitulo nos indica, e una volta atrás para descubrir o teatro galego da segunda metade do século XX, fas esa viaxe a través dunha moza, de Uxía. ¿ Quen é Uxía ? ¿ Por qué Uxía ?.

Uxía é a miña irmá e a protagonista da longametraxe. Queríamos facer un documental no que se mesturaran temas como a familia, a amizade e o teatro. Uxía ten curiosidade por saber como foron os anos nos que os nosos pais percorrían o país de función en función. Para iso, fala cos compañeiros de profesión e auténticas figuras do teatro galego. Este é o arranque da historia que contamos.

castelao_ventomareiro

VENTO MAREIRO. Castelao. Vanguardias Históricas/Realismo. Museo de Pontevedra.

Consideras este traballo unha homenaxe a esas persoas que dinamizaron o sector teatral, e a cultura en xeral, despois da posguerra en Galicia. ¿Quenes son esas figuras que viviron o teatro con tantas gañas por aquela época?

Claro. Dende o primeiro minuto de proxección pódese ver que é unha homenaxe. Primeiro, unha homenaxe aos meu pais e logo, unha homenaxe a ese par de xeracións que traballaron para dignificar a profesión nos anos 60,70 e 80. Décadas moi difíciles para facer teatro en galego na nosa propia terra.

As figuras son moitas e de diferentes procedencias. Sobre todo destacan as cidades da Coruña e Compostela. Na Coruña o pioneiro foi Manuel Lourenzo que creou o primeiro grupo teatral independente galego (Teatro Circo), logo en Compostela estaban Eduardo Alonso e Roberto Vidal Bolaño que tamén foron unha referencia no sector teatral aqueles anos. E despois había moitos máis como os actores Miguel Pernas, Ernesto Chao,Pico ou actrices como Teresa Horro, Elina Luaces, Luisa Merelas…

O importante é recoñecer o seu labor, xa que sen o seu empeño, intérpretes como Luis Tosar, Javier Gutiérrez ou Cristina Castaño non o terían tan doado para dar o salto á “fama”.

homenaxe_tutoemariajo

Tuto Vázquez e Mariajo Mosteiro

Cando algo nace, recordamos os inicios e as aquelas persoas vinculadas a determinadas profesións con moito empeño e seriedade na maneira de facer as cousas, denunciando carencias, dando pautas de profesionalidade, amosando como con vocación e amor se fan as cousas a futuras xeracións… Penso que agora que temos todo mais doado non ocorre da mesma maneira. Quizais o ritmo das nosas vidas non o permite ou existe certo medo a loitar de boa maneira por elas. ¿Cal é  a túa opinión respecto disto?, ¿foi unha xeración das que “crean escola”?

Bufff. É unha reflexión moi profunda. Creo que o que mellor definía a esas xeracións relacionadas co teatro era o gozo que tiñan ao subirse a un escenario. Hai que ter en conta que cando comezaron estas persoas no mundo do teatro non vivían do teatro. Tiñan outra profesión. Por exemplo saíu moita xente da docencia (Tuto, Manuel Lourenzo, Agustín Vega, Eduardo Alonso…), polo que para os pioneiros do teatro en galego dos anos 60 e 70 representar unha función era un reto, e cando o conseguían, gozaban ao máximo desa experiencia.

O de crear escola…non sei. O único certo é que foron os que reconstruíron o teatro en Galiza despois dunha posguerra moi dura e que non había nada. De feito, en moitas ocasións viñan xente de fora como Paco Onieva ou Pepe Estruch para axudar nalgún espectáculo. Agora, ata temos unha escola oficial de arte dramática!!

oprofundador

O PROFUNDADOR. COUSAS. Castelao. Vang. Hist. Realismo. Bocetos y dibujos. Museo de Pontevedra.

-¿En cantos sitios levas presentando este traballo e en que datas poderemos ir velo?

Estreamos o xoves 23 de outubro no Teatro Rosalia de Castro da Coruña. Logo estamos a semana seguinte tamén na Coruña, no Forum Metropolitano, e logo xa viaxamos a Ribeira o día 15 de novembro.

Eu considérome medio ribeirense e tiña moi claro que ao saír da Coruña o documental tiña que vir a Ribeira. Toda a miña familia paterna é de aquí e faralles moita ilusión poder ver este documental.

Despois de Ribeira temos pendentes varias datas por confirmar pero xa houbo tres concellos que se interesaron na proxección de “O que hai que facer para non ir ao mar”. Nos vindeiros meses traballaremos nun novo concepto de distribución, ir concello a concello presentando a nosa obra. Tamén hai un festival de documentais que está interesado na proxección

¿Algunha nova idea roldando a cachola? ¿para cando?

Si. Teño varias. Agora estou centrado na creación dunha produtora, “Café con gotas”, con Eva Alonso, a directora de produción do documental. Temos varias ideas, pero terán que esperar ao 2015. A estrea do docu tenme totalmente consumido (risas).

Moitas gracias Iago Vázquez por esta breve entrevista. Esperando asistir a proxección do documental no Auditorio Municipal de Ribeira o sábado 15 de novembro ás 21:30h.

ENTREVISTA LOLI REGUEIRA

Anuncios