Etiquetas

, , , , , , , , , , , , , , , ,

cartel_colectiva72

Despois de varios meses de preparación imos poder presenciar a exposición “De fibra sensitiva”, con obras dun colectivo de mulleres creadoras de Barbanza.

As 11 artistas que compoñen o grupo propuxéronse, ao tempo que creaban as obras para esta exposición -que ten como fío condutor o tema das relacións afectivas-, realizar encontros periódicos co fin de intercambiar experiencias, compartir inquedanzas e sensacións e sobre todo reforzar os lazos de amizade entre elas. Os encontros foron abertos e todos diferentes. Case ningunha acudiu a todos e mesmo algunha das artistas non puido estar en ningún por diversas causas.

Entendín esas xuntanzas coma un acto de complicidade e xenerosidade, pois sendo o feito de creación algo individual e íntimo, ás veces motivo de rivalidade entre artistas, as nosas protagonistas deron un paso adiante. Racharon ese muro e fixeron o esforzo de reunirse para compartir mantel e mesa de traballo; saborear os froitos de cada estación, escoitar a natureza e escoitarse a si mesmas, e plasmar no lenzo un mundo de sensacións multicolor que van entregar ao público durante o mes de agosto.

Artistas con diferente formación, técnicas diversas e materiais variados van pór diante de nós un abano de pezas no que caben todos os gustos e tendencias, desde o naïf ao expresionismo abstracto, do debuxo realista ao neoplasticismo, ou do surrealismo ao eclecticismo, sen esquecer a fotografía e a influencia do cine e das novas tecnoloxías. Veremos lenzos heteroxéneos que tentarán seducirnos e sacudir calquera dos nosos cinco sentidos, ou seis -son mulleres.

Percibiremos o bico dos namorados, ou non. Que me din da relación da lúa e o sol, ou do ceo e a terra, o mar e as rochas? Presupoño todo iso cunha verdade intimista e uns grafismos envolventes e reivindicativos. Espero que este grupo de artistas, que temos o luxo de ver agora en conxunto aínda que seguen camiños dispares, nos fagan gozar a tod@s coa súa percepción e recreación dos afectos (e das afeccións). Pronto se levantará o telón e…A gozar!!!

Encarna Pego

Anuncios