Etiquetas

, , , , , , , , , ,

Serafín Marcos Fernández é Licenciado polo Conservatorio Superior de Santiago na especialidade de guitarra. Falamos con este artista de Noia sobre as performances que ven facendo dende hai xa moitos anos na sua vila, que escolle por ser o lugar onde cree que debe facer a maior aportación social. Así ve Serafín Marcos os happenings que ven realizando, un acercamento mutúo, con aportacións simbólicas, onde os participantes somos todos.

A próxima acción de Serafín Marcos terá lugar Na Praza do Cantón de Noia, o 26 e 27 de Xullo. Comenzará ás 8h. do día 26 ata o día 27 ás 14,30h.

performance_Serafin_marcos

Como definiría a arte? e, como o vive vostede?

A arte como descubrimento transcendente. Eu o vivo como unha necesidade na realización existencial.

Ten por facer a realización dunha performance … Que lle chamou a atención de ” a arte viva”? e, cales son os seus movementos ou artistas nos que foi capaz de confiar para a súa inspiración?

A arte en vivo ten o atractivo da imprevisión. Os primeiros autores cos que sentín o pulo da creación son Marcel Broodthaers, Dalí, Marcel Duchamp, Piero Manzoni, Oskar Schlemmer, Kurt Schwitters,… e en xeral co teatro.

Que xeito ten para vostede a arte na que a obra non é o obxecto senón o suxeito?.

Na arte a obra é o suxeito.

Como podería mercar o público unha obra-performance?, quizáis a través de catálogos ou videos?

Podes mercar calquera soporte que conteña parte da obra, incluso podes mercar a súa realización. Fai séculos que se ven pagando por interpretacións efémeras.

Posúe na súa colección de obras algún obxecto ou obra física que non sexa efémera e que poda considerar vendela?

Sí, as follas mortas dunha planta.

Que temas ten para as súas performances, como chegan a xurdir e como as desenvolve ata a fase final?

Non hai temática que as unifique. Xorden espontaneamente, posuíndome, perseguíndome. Reflexiono sobre elas, sen buscar referencias, o tempo necesario ata sentir rematada a idea. Logo ven unha parte moi interesante para min que é intentar levala a cabo, non sempre é fácil ou posible. Esta fase, que poderíamos chamar de produción, resulta intensa e atractiva e na experiencia persoal integra como parte de obra.

 En que lugares realiza as performance? e, por qué nestes en particular?.

En Noia, é onde vivo e por elo considero que é o lugar onde debo facer a maior aportación social.

Sempre se desenvolven en lugares públicos e abertos? como é a súa aceptación no público?.

Sí, sempre en lugares públicos e abertos. O meu preferido é a Praza do Cantón de Noia, na que conflúen varias rúas transitadas.

O grao de aceptación é tan diverso como o público, dende quen se acerca con interese e coñecemento, a quen pasa con indiferenza e incluso os que manifestan desprezo. Todos contribúen á obra.

Quen participa das súas performance?, so vostede ou tamén o espectador?

Os participantes non son escollidos, aparecen, acércanse, métense nela, acéptana, rexéitana… Participamos todos, os que non queren participar tamén poden influír na obra.

Cree que o público xeral acepta a arte contemporánea e as súas maneiras de representación. Ou, mellor dito, cree que entenden un arte significativo, non estético, non comercial i efémero?

Acéptase dende o momento en que permiten representalo publicamente. Enténdese máis que se faga algo pouco vendible que o feito de que se faga sen o desexo de vendelo. Agradable ou desagradabl é algo subxectivo.

Interesouse algún xornal local nas súas performance?, recibiu algún tipo de crítica por iso?

A prensa mostra interese, máis a nivel informativo que crítico.

Falemos un pouco da súa próxima performance… Onde e cando terá lugar?e, como se planificará?

Praza de estar terá lugar na Praza do Cantón de Noia, o 26 e 27 de Xullo (se non chove). Comenzará ás 8h. do día 26 coa preparación e montaxe do espazo físico que albergará o xermolo do happening ata o día 27 ás 14,30h.

alfombras

Será inmortalizada dalgun xeito especial ou diferente a outras?

Nacho Icega está realizando un documental da obra, ademais recollerase numerosa documentación gráfica.

Qué ten programado para o futuro próximo?

Esta semana, participar na feira medieval de Noia, logo ordenar a documentación que xorda da obra “praza de estar” e empezar a documentarme por si fago algo coas Letras Galegas do próximo ano.

Como fin, Cal é o seu soño de performance en canto a realización e localización?.

Soño quizás sexa unha palabra demasiado evocadora para falar da performance que me gustaría facer, e que xurdiu fai dous anos á vez que “praza de estar”, é “visualizar barreiras invisibles”. Conseguir realizala non me está resultando fácil, esa dificultade é un bo reto e levaríase a cabo nos pasos de peóns.

Entrevista por: Ainara Valle

Anuncios