Etiquetas

, , , , , , , , , , , , , , ,

Creadoras Barbanza. Presentación.
Creadoras Barbanza. Fotografía de Elia Núñez.

“Como empezou todo…

O 18 de outubro de 2013 Loli Regueira xuntounos a Eugenia, da Tenda-Galería O Faiado, e a min, para suxerirnos unha idea que levaba tempo matinando: a de facer unha exposición colectiva con obras de mulleres que se dedican á arte na zona do Barbanza. E fixouse unha data: agosto de 2014. Baralláronse varios nomes, moitos dos cales participarán na exposición colectiva, pero que non están presentes na iniciativa que presentamos neste artigo por diversas circunstancias personais. De tal xeito que no fluír desta idea, decidimos invitar a outras mulleres que non participarán na exposición, pero que consideramos que teñen moitas cousas que achegar.

Propúxoselle a Loli Regueira facer algo diferente. A idea formulada como nexo de unión era o tema das relacións afectivas: non merecía ser tratado un tema de tanta transcendencia nas relacións humanas dende unha óptica e proceso creativos diferentes?

Así que lanzamos a seguinte proposta: realizar un encontro mensual (abril, maio, xuño e xullo) previos á realización da exposición en agosto. Pareceunos interesante que as persoas que iamos participar nesta exposición xenerásemos un grupo de debate, creación e expresión creativa en grupo, independentemente de que cada artista presentase a súa propia obra individual na exposición de agosto. Pretendemos outorgar outra dimensión ás palabras “EXPOSICIÓN COLECTIVA”, máxime cando o tema a tratar son as relacións afectivas.

Presentaremos nesta páxina un artigo e un vídeo de cada encontro, que serán realizados por diferentes participantes do grupo, expresando así as diferentes visións de cada creadora a respecto destes procesos. Agardamos que o que imos publicar lles resulte tan enriquecedor coma a nosoutras estas reunións.

“Creadoras Barbanza”

Elia Núñez creou un grupo pechado no Facebook onde debater as diferentes propostas e planificar en conxunto cada encontro. Coido que o título foi do más atinado e suxerente: “Creadoras Barbanza” evoca moitas cousas, e moi interesantes.

Decidimos crear unha montaxe audiovisual na que as palabras que cada creadora elexiu para presentarse son pronunciadas pola voz doutra creadora. Neste xogo pretendemos reforzar o proceso que estamos a vivir: as diferentes simbioses que xurden nun proceso creativo de grupo. Proceso que salva as distancias xeográficas: Ainara Valle, envía a súa presentación dende Zaragoza.

A continuación, e por orde de aparición no vídeo, as presentacións de cada unha:

ELIA NÚÑEZ: “Ola, son Elia. De min para ti”. (Voz: Pilar Ageitos)

LUCÍA ROMANÍ: “Estou aquí, son ninguén”. (Voz: María Magán)

MARALLA: “Ola, son Maralla e non me sae ningunha xenialidade”. (Voz: Loli Regueira).

LOLI REGUEIRA: “Ola, son Loli e quero voar”. (Voz: Maralla)

MARÍA MAGÁN: “Ola, son María Magán. Vivo aquí e agora”. (Voz: Elia Núñez).

MARÍA REGUEIRA: “Son María Regueira e quero crecer”. (Voz: Carla Riande)

CARLA RIANDE: “Son Carla e só quero voar”. (Voz: Lucía Romaní).

ENCARNA PEGO: “Eu son Encarna, vin a unha festa de artistas e trouxen flores”. (Voces ao unísono: Encarna Pego e Pilar Ageitos).

AINARA VALLE: “Ola. Son Ainara Valle e gústame levitar sobre a auga”. (Voz: Loli Regueira).

PILAR AGEITOS: “Eu son muller e ese é o misterio. Só o albisco cando entono a miña propia canción”. (Voces por orden de aparición: Loli Regueira, María Magán, Lucía Romaní, Elia Núñez e Maralla).

 
Pilar Ageitos
Grazas a Encarna Pego
pola revisión final do texto
e a súa tradución ao galego.
Grazas ás participantes,
que aportaron as súas revisións,
comentarios e correccións de estilo.
Anuncios