Etiquetas

,

ARTE E LIBERDADE

Estamos a vivir momentos, que o ser humán nen sequera podería imaxinar nin soñar hai uns cantos anos atrás, e estoume a referir á chamada “revolución informática “, nai e pai deste Mundo globalizado no que estamos inmersos, nas que as diversas canles da información conseguiron someternos e facer de nós uns dependentes destes novos recursos que a tecnoloxía puxo nas nosas mans. Esta nova situación, facilitou que ficaramos atrapados nun dos cambios máis sorprendentes que se teñen producido na historia da humanidade, e por tal motivo, facilitouse un proceso de cambio acelerado no noso comportamento, nas ideas e nas costumes, (estas últimas, enraizadas na maioría dos casos perante séculos de coexistencia ca nosa cultura e nos nosos hábitos), e mesmo, sen nos decatar, que esa roda imparábel nos ía envolvendo cada vez máis na súa inercia demoledora, e que a presa, (apresurado no sentido moderno), como método represivo se instalaba nas nosas vidas definitivamente.

manuelteira_liberdade

Neste senso, os artistas non ían ser menos, aquelas fronteiras que semellaban inalcanzábeles e lonxanas non hai tanto tempo, cheas de obstáculos e de grandes abismos para achegarse a outras culturas, definitivamente ficaron derrubadas e desapareceron como impedimento do mundo da Cultura, dando paso, á convivencia das distintas tendencias artísticas, que axiña, deron en comezar a interactuar en todo o noso Mundo, en tempo e forma.

Esta cuestión, coma calquera outra novidade no mundo da cultura, dou dende o principio en provocar un gran debate no mundo da creación artística, arte universal, arte sen fronteiras?… É verdade, que no mundo da arte, xa dende as súas primeiras manifestacións, se nos ten presentado, en certo xeito, intercomunicado e transfronteirizo, dende a Venus de Willendorf ata as pinturas rupestres das covas de Altamira, ou dende a colosal cultura exipcia, pasando pola cultura minoica, Grecia e Roma, o románico, ou gótico, aínda que a súa significación máis clara e actual nos veña dado pola revolución renacentista italiana, é aí, cando o concepto de arte toma a verdadeira forma, contemporáneo, tal e coma hoxe a coñecemos, grazas a este proceso de cambio a arte muda claramente de mirada, ca inxerencia do humanismo renacentista nas as artes. E así, ao longo deste novo nacimento floreceron outros nacimentos, coma os prerrafaelistas, e máis tarde os impresionistas, que foron aportando novos conceptos e novas miradas ao mundo da creación, modernizando, ( o moderno é novo, di Herbert Read), e desta maneira, a arte comezou por ter un protagonismo fondamente cultural no seu entorno máis inmediato. O caso é, que ese concepto tan definidor, hoxe converteuse en mirada globalizante, moi lonxe das particularidades propias dos lugares ou das xentes, e non quixera falar aquí dun eclecticismo, como elemento fragmentario e dinamizador, propiamente, tal é coma nós o entendemos. Hoxe William Faulkner, o noso Luís Seoane, os mesmos impresionistas, Van Gogh, Cezanne, este último considerado o pai da pintura moderna, ou o propio Pablo Picasso, para a nosa perplexidade, non deixarían de ser artistas de expresión ou miradas actuantes, modernos, iso si, pero coas sensacións que se respiran no máis próximo, nunha determinada xeografía controlada, que non amurallada ou fronteiriza.

Con estas premisas, penso, que o artista de hoxe, está exposto, senón claramente, si veladamente a certos perigos dominantes sobre a súa mirada creativa, como efecto dunha acción externa e claramente colonizadora, cuxo obxectivo é a castración do acto creativo, á vez, víctima dun portentoso mecanismo de control que esta inxente revolución das redes sociais e da información, foi favorecendo ao longo destes anos como sementadora de idearios e de miradas, ( mellor, unha man negra, que promociona determinados valores estéticos, nos que a cultura vería sendo o resultado final nunha escada de intereses ben controlados, a través das redes sociais ), por isto mesmo, unha parte dese arte orixinario, particular, diferenciador, unha arte enriquecida polos distintos e á vez universos propios dos artistas, e que debería artellarse sobre a luz daquilo que te envolve, cultural e espiritualmente, nunha estética orixinaria, onde a multiculturidade potenciaba e arroxaba sobre ela unha luz intensa e esclarecedora, que a facía incuestionable á nosa sensibilidade. Dicía, que esa arte que perante séculos foi construindo a nosa modernidade, hoxe, por causa da enorme globalización á que estamos sometidos, corre perigo de desaparecer, ou mellor dito, de converterse nunha mirada interesada e manipuladora, onde a falla de valores con consistencia nos leven a unha tremenda confusión e nos desorientemos no noso camiño.
Polo tanto, o artista de hoxe, senón claramente, si veladamente está subxugado a unha dominación e colonización da súa propia liberdade creativa, sendo victima dun portentoso mecanismo de control, que esta revolución das redes sociais foi favorecendo en favor dos grandes gurús da arte, consolidando así, o que eles deron en chamar a ”arte universal “, como consecuencia de repetir o mesmo concepto creativo, e que foi colonizando o mundo da arte e vulgarizando e desterrando o propio sacrificio do artista,( unha arte sen sacrificio ), en favor da ocurrencia e en contra da multicultura que perante tanto tempo dinaminizou e enriquiceu este mundo dos soños.
Agora mesmo, esa globalización tan ben administrada e consecuente, diría normalizadora,no peor dos sentidos do termo, está abocándonos a unha profunda crise de valores e a un desconcerto á hora de enfrontarnos a unha verdadeira acción creadora, precisamos cachear, topar camiños diverxentes, ou nacaso, retornar aos camiños da arte primitiva, voltar a concebir nos artistas, interiormente, un sentido da estética máis brutal e máis desafiante, ( xa noutros momentos da historia, Van Gogh, Paul G auguin e moitos outros miraron cara atrás para concibir un novo arte ),e emprender, a partir de aí, unha verdadeira descuberta que nos permita seguir avanzando cara unha ruptura decisiva na estética futura, ( o primitivo é novo, e o primitivo sempre está entre nós).

Os artistas son cada vez máis dependentes, limitados por unha visión cada vez máis lonxana, ancorados no desterro da esencia, cada vez máis lonxe daquilo que nos arrodea e nos conmove, (alómenos, esta coexistencia habitou con nós perante séculos, e poidemos enriquecer a nosa civilización dunha sensibilidade que nos fixo diferentes ). Polo tanto, contra toda “idea universal da arte”, contra eses conceptos prefixados de mirada única,repetitiva e canseira, coido que a saída para voltar a renovar os soños, será voltar outra vez a arte inmediata, ( ao próximo ), interactuar no noso entorno, con nós mesmos, cachear aí, a verdadeira esencia da beleza e a dinición dese sentimento que transformou o Mundo do ser humano.

Manuel Teira. Escultor.30/06/2013
Devesa, con Carmela.

Anuncios