Etiquetas

, , , , , , ,

BIOGRAFÍAS · ARTE BARBANZA · A COMARCA DO TALENTO
pacocasal

O artista Paco Casal no seu estudio de Ribeira.

O pintor Paco Casal (Ferrol, 1956) inaugura o vindeiro 16 de Marzo unha exposición na galería O Faiado, en Ribeira. Nesta mostra poderase ver un conxunto de debuxos ao carbón e acuarelas con motivos paisaxísticos, ademáis dunha nova serie de debuxos ao pastel moi coloristas cun punto naïf. Falo con este ferrolán afincado na parroquia ribeirense de Aguiño para afondar na súa obra a través de varias cuestións. 

paco casal 1_2

“Olas en La Cobasa” , acuarela, 45X32 cm

Paco Casal (Ferrol, 1956.)

Nesta mostra poderanse ver obras realizadas con diferentes técnicas, como citei antes. Hai algunha técnica coa que te sintas especialmente cómodo? Con cal te iniciaches no mundo do debuxo e a pintura? 

Comecei co óleo e é o que máis me gusta, case sempre é nesta técnica, xunto cos acrílicos, onde rematan tódolos meus debuxos, acuarelas e pasteis, pero o tempo do que dispoño para pintar é limitado e necesito luz natural para traballar o óleo… e agás fins de semana, resúltame complicado atopar eses momentos. Co debuxo e a acuarela podo ir traballando no estudio polas noites.

Pódese dicir que a natureza é a gran protagonista dos teus cadros pero, como prefires enfrontarte a ela: tomas apuntes do natural, realizas fotografías ou ben, tes outro método? Como é o teu proceso habitual de traballo?

Sempre que podo tomo os meus apuntes do natural mediante o carbón, volvo ao estudio con iso e máis algunha foto tomada no lugar. Gustaríame non depender tanto da foto e traballar máis no sitio pero, como che comentei antes, o tempo é o que manda e se a iso lle engades o clima, ao final a foto é case a única solución no inverno.

Que ten de especial para ti a paisaxe galega?

O sentimento de beleza inmensa que me produce cando a vexo. É coma se á natureza se lle fose a man creando lugares tan fermosos. Nisto somos unha comunidade privilexiada.

O feito de coñecer e falar con outros artistas sempre é importante e debe de ter sido algo fundamental tanto nos teus comezos como ao longo da túa traxectoria, por seres autodidacta. Pódesnos contar algún consello útil que che dera algún compañeiro?

Claro, o consello e o estudio dos traballos doutros pintores é fundamental. Eu sempre tiven presente ese dito de que “o autodidacta sempre ten por mestre a un ignorante”, así que todo o que che ensine ese mestre hai que contrastalo con quen saiba. Non hai moito que falaba cun gran pintor que, no contexto da conversación, que trataba de creatividade na pintura, me dixo: “Cando che esvare algún pincel accidentalmente por unha acuarela, antes de dala por perdida agarda ao día seguinte e mira o que o pincel debuxou só… É posible que atopes o motivo que estabas a buscar e acabe sendo un bo traballo”. Ese pintor é Xosé Vázquez Castro, un dos grandes pintores galegos.

Teño entendido que che gusta acompañar algunhas das túas obras con algún relato introductorio. Consideras que pode servir como complemento da obra? Que finalidade ten?

A literatura e a pintura sempre se levaron moi ben, e nestas paisaxes é fácil ver como están agochadas, nos montes e na costa, as nosas lendas e os nosos contos e tamén os tópicos. Así que me axuda a pintar o contar unha historia inventada do que puido ter ocurrido nese lugar que estou tratando, é coma darlle outra perspectiva ao cadro. Poñamos un exemplo: non é suficiente para entender un debuxo dunha corredoira, que eu che diga que ese camiño feito ao carbón é un recuncho do parque natural de Corrubedo para que poidas comprender o que eu quixen debuxar; heiche de dicir qué sentín ao debuxalo, cómo se abrazaba o vento á soidade do lugar. Ou ben o que a min me gusta: dicircho narrando unha historia de soidades que ocorreu nese sitio. Entón o debuxo é outro.

Que papel ten a literatura en relación co teu traballo? Tes algún autor de referencia?

Todo, creo que sen ler non podería pintar. Non teño un autor de referencia, leo a moitos, pero para min é inevitable lembrar constantemente a Ánxel Fole e o seu libro Terra Brava.

Despois de máis de trinta anos pintando de que maneira cres que foron evolucionando os teus intereses e a túa forma de pintar?

De maneira natural fun creando as cousas que me gustaban, sen un obxectivo definido e, en canto á forma de pintar, creo que é a mesma que cando comecei, coa lóxica mellora da técnica e o abordar tamén outros temas, coma o espido, a figura e agora tamén a decoración e a estampación.

Con que adxectivos definirías a túa obra?

Eu non sei poñerlle un adxectivo, espero que sexa o público que a ve e a adquire quen a califique. Eu cámbioche o adxectivo por un adverbio de lugar que nos axude a situala: aquí, en Galicia.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios