Etiquetas

, , , ,

Loli Regueira reborda xuventude, aparentemente tan fráxil ela, de mirada escrutadora e vivaz, semellando vivir nunha eterna  e sedutora abstracción, esta primeira impresión da moza, non é máis ca un feitizo que engaiola e nos transporta aos lugares máis pantanosos da súa maxia. Nunca máis lonxe, en Loli Regueria acochase unha personalidade renxa e firme, cunha vocación artística que non deixa dúbidas. A súa imaxe tan moza e tan vital, retrotráeme a unha anécdota sobre un dos instantes mais importantes na vida de Rafael Sanzio, o gran Rafael de Urbino, foi aquel día no que el  chegou a Florencia con tan só dezanove anos, ó centro do Mundo coñecido daquel “Renacemento humanístico”,( chegaba alí á cidade de Brunolleschi convertido xa en todo un mestre ) ca intención de comezar a abrirse camiño na súa vida artística. Portaba entre as súas mans unha carta de recomendación da súa ben querida amiga, (quizais amante) Giovanna della Rover, destinada ao canfaloniero Pier Soderini, para que el lle procurase algún traballo ao xoven artista de Urbino. Desgraciadamente, para Rafael aquela misiva de Gionvanna non xurdiu o efecto agardado e naquela primeira súa visita á gran cidade de Florencia ficou sen traballos públicos, aínda que a súa estancia na cidade lle iría procurar o inmenso privilexio de admirar como traballaban naqueles momentos na cidade Leonardo da Vinci e Miguel Anxo, que estaban inmersos na elaboración dos cartóns da Batalla de Anghiari,(Leonardo), e da Batalla de Cascina,( Miguel Anxo ).

rafael sanzio

Autorretrato de Rafael, Galería de los Uffizi, Florencia.

Esta pequena historia de Rafael, sérveme como desculpa para facer un paralelismo entre o “novo” e o “vello” e a súa influencia na arte. O “novo” no mundo da arte representa un valor incalculable sempre en alza, o  novo tráenos visións e mundos novos, e ben poderíamos  falar sen medo de ousadía, de rebelión, de protesta, de ruptura con todo aquilo que nos arrodea, ( matar o vello ). Precisamente, isto último é a gran premisa, o arte sen o “novo” non pode construírse.

A  nosa infancia ben ser neste eido decisiva, mesmo é nos anos da nosa adolescencia cando realmente o mundo dos artistas se vai construíndo, neses anos tan decisivos na formación dos seres humanos vaise pescudando e procesando todo aquilo que no futuro vai constituír o universo do artista e a antesala da nosa formación humana.

A arte está chea de exemplos (do novo ), exemplos,  coma os de Rafael… Non sei… Penso por exemplo en Picasso, que con dezanove anos é capaz de absorber e procesar todas a influencias artísticas que neses intres se están acontecendo en París, a capital máis cosmopolita da arte no Mundo enteiro, naquel tempo de verdadeira convulsión nunha sociedade que comezaba a mudar a súa tona caduca e resabida a pasos axigantados. Ou por exemplo; outro caso excepcional, que é o do gran poeta francés Paul Rimbaud, que ós dezanove anos xa tiña producido e dado por rematado toda a súa obra literaria, e, que a partir dese momento abandonaría definitivamente a literatura para sempre, deixando tras de si títulos memorables, (Unha estadía no inferno ou as súas Iluminacións ) e que ían condicionar e transformar a literatura moderna.

A arte nunca debe facerse vello, xamais debemos confundir a vellez física de quen crea, ca propia creación en si, a mente do artista fronte a arte debe ser revolucionaria, e polo tanto, ese concepto do “vello “, ( que por suposto pode ser discutíbel, non o nego ), pero dende o meu punto de vista ese concepto caduco non debe ter cabida en ningún proxecto nin desenrolo artístico, ( entón, estaríamos falando doutra cousa ). Por todo isto, é tan importante a infancia no mundo dos artistas que nunca deben abandonar as súas referencias. Os creadores están inmersos vivindo sempre nese mundo de exploración, da cachea de novos espazos  e de soños nos que poder instalarse, ( a verdadeira patria e a miña infancia ), penso que dicía o gran poeta Rainer María Rilke. Por isto mesmo, considero que o “novo” é tan absorbedor que permite ao artista reinventarse continuamente, o novo non debe ter desmaio nin horas, nin sequera o creador neste contexto deberá ter límites, por iso, aí, nesa vitalidade e na que debe medrar o artista, rebelándose, sen concesións, experimentando e perdendo o medo e o pudor a calquera elemento que ouse pórse diante, retando e facéndolle fronte ao descoñecido.

Dicía, que hoxe estábamos aquí para inaugurar esta mostra de debuxos de Loli Regueira, estes debuxos ou bosquexos, como tamén á propia artista lle gusta definilos, son obras realizadas á tinta china, algúns deles con aguadas. Estas obras que hoxe nos presenta Loli móstrannos un gran dominio de execución e unha gran firmeza de auténtica mestra.

O debuxo é unha disciplina á que hai que entregarse sen concesións e a que hai que adicarlle moita dedicación, poida que sexa esta, sen lugar a dúbidas, a disciplina máis esixente na formación de calquera artista. Logo, é verdade que existen e hai outros camiños que derivan de outros métodos e doutras técnicas. Pero, o que si é verdade, que aínda que a arte se reinvente mil veces sempre haberá aí un espazo moi importante para o debuxo. Loli nesta mostra enraíza un algo ca súa propia xenética, e con isto, quero dicir, que por unha circunstancia familiar entronca de pleno con este gran artista que é Domingo Regueira, e polo que eu sinto verdadeira devoción. Sexa como for, é moi bo saber que a arte tamén medra entre o ámbito  familiar e que se poden compartir aí discusións e puntos de vista ca única finalidade de tratar de enriquecerse cas experiencias, de uns e de outras.

O outro día falaba con Loli sobre cal fora o motivo que a impulsou a facer estas obras, e unha das das súa respostas deixoume sorprendido, díxome, que estes debuxos eran para ela unha especie de alto no camiño, coma un descanso, (unha especie de relax ). Iso reafírmame sobre o que estou a pensar… Dalgunha maneira, ese paréntese que se produce no  camiño da artista, (aínda que ela non o saiba), representa o inicio e o xerme doutras exploracións e doutras formas e doutros mundos que aínda están por chegar. A min asómbranme eses chispazos que ela é capaz de representar cas súas tintas, son instantes que lle vai roubando á natureza para entregarnos como resultado unhas obras onde queda patente ese dominio e a incríbel madurez que nos ven amosando na súa traxectoria. Entender nestas tintas e aguadas, a súa cabeza coma unha prolongación da man, que ela coma ninguén converte nun todo diante da lámina en branco.

O debuxos que capta Loli Regueira, ( e digo captar, no senso de roubar), son esencia, domina esa carga xusta de tinta e a pincelada exacta, trazos vibrantes, cheos de enerxía, dando forma a unha estética minimalista que nos recorda ás caligrafías xaponesas. Loli Regueira é unha artista emerxente que se toma moi en serio a súa entrega á o mundo da arte, con poucos anos xa nos leva mostrado e sorprendido con algunha exposición que cada vez máis nos reafirma, que estamos diante dun importantísimo valor artístico en alza e que non debemos perdela de vista no seu futura…

Por Manuel Teira

18/02/2013

Anuncios