Etiquetas

, ,

1895. Monte Sainte-Victoire, na Provenza francesa. Un pintor francés de mediana idade, chamado Paul Cézanne, leva con el un caballete para pintar a montaña máis famosa da comarca que o viu nacer “sur-le-motif” (é dicir, en vivo).

2008. Praias de Ribeira, na comarca do Barbanza. Unha artista nova chamada Loli Regueira decide captar as paisaxes da súa terra mediante apuntes en tinta china e acuarela.

Image

S/T
Tinta china e acuarela sobre papel
2008

A natureza ten algo que resoa. Algo precisa ser canalizado e expresado a través da arte, e neste proceso, o artista pode atoparse a si mesmo. A loita simbólica e humana do noso interior atopa un eco lonxano nas estructuras harmonizadas da terra.

Rochas, herba.

Grutas recónditas.

Mares en calma. Mares bravos. Mares.

Lugares escondidos que latexan no silenzo eterno, agardando que alguén os atope e debuxe as súas pulsións no seu interior.

Image

S/T
Tinta china e acuarela sobre papel
2013

Cézanne ofrecía unhas visións naturais que expresaban a súa viveza ou a súa melancolía mediante manchas de cor moi meditadas.

O estilo de Loli Regueira en cambio non precisa cor, posto que o trazo e a liña cobran toda a súa forza compositiva.

A artista galega amósanos lugares onde refuxiarnos e sentirnos confortables, ambientes naturais tranquilos e sosegados nos que podemos recollernos e meditar. Unha Galicia que atopa o seu lugar no papel, e fúndese con el. Unha Galicia que recibiu o impacto humano, pero que segue a extender o seu frescor coma se nada pasara.

Hai paxaros que queren voar. Hai cabalos que se dilúen na súa propia materia e quizais esquecen a súa natureza orgánica. Os bocetos de Loli Regueira trasládannos á esencia máis pura e humana da arte, revelándonos coa súa inmediatez o valor do instante presente e unha ollada amorosa e limpa cara o entorno que a rodea.

Image

S/T
Tinta china e acuarela sobre papel
2011

Recomendo unha visita ao Bar Brétema de Ribeira durante esta próxima semana para ver en vivo unha pequena mostra do arte de Regueira. Poden achegarse este domingo día 17 ás 20:30 da tarde para presenciar a inauguración. O ambiente distendido do local axudaralles a contemplar cunha ollada nova e diferente unha exposición de arte que destaca precisamente pola súa sinxeleza.

Por Saraiba

Anuncios