Etiquetas

, , , , , ,

Image

Vida, 2007. Bronce.

Somos materia. Seres orgánicos, formas con nome, sentimentos enclaustrados nun cárcere de carne. Pésanos o corpo ás veces, outras pésanos a vida. Mais ámbolos dous están estreitamente interconectados, corpo e vida. E Jontxu Argibay sábeo.

Por iso as súas esculturas son forma. Expresións de benestar, de agonía, de espera. Ou expresións inexistentes. Expresións do ausente que se abre nas nosas vidas cando nos deixamos levar polo corpo. O traballo lévanos, debémonos ás tarefas cotiás, e amosámonos aos demais como organismos físicos que na súa fisicidade enterran a súa alma (se é que a temos).

¿Que hai detrás nosa? ¿Que hai detrás da materia que encarnamos? ¿Cal é a verdadeira razón que nos anima?

Somos esculturas andantes. Sería fácil confundirnos cunha das pezas de Jontxu Argibay. A única diferenza é que nós habitamos carne mol e somos o fruto da nosa propia creación, mentres que os corpos deste artista son pezas de arte.

¿É xusto dicir que son sinxelamente iso?

¿Están elas máis vivas ca os vivos?

Depende da persoa.

Por suposto, as súas pezas teñen vida: a vida que flúe polas veas do seu autor, a vida que o seu pai lles transferiu ao facelas portadoras dos seus sentimentos e emocións máis profundas. O amor á terra. O amor ao humano. Se o amor é o que nos da vida, as pezas de Jontxu Argibay están máis vivas ca moitos de nós (inclúome a min mesma na lista de defuncións).

Image

O domador de congrios, 2012. Aglomerado.

Elas son voluptuosas, son inmortais, e reflexan silenciosamente as partes desgarradas da nosa personalidade e do noso colectivo social que moitas veces nos negamos a ver.

Non son quen de xulgar unha obra de arte ou unha carreira artística porque creo que cada un ten a súa propia opinión e é totalmente válida sempre que conecte con ela desde a sinceridade do seu corazón. Sen embargo, hai algo na obra de Jontxu Argibay que me fai querer darlle as gracias. Gracias por crear vida, e gracias por amosárnola.

Por Saraiba

Image

Neno con árbore, 2009. Aglomerado e fibra de vidro.

Anuncios